Olalla Fernández Davila demanda ao Goberno que dialogue coa Xunta de Galiza e cos concellos para buscar a mellor fórmula de xestión
Madrid,13 de Agosto 08. En resposta a unha pregunta da parlamentaria do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila, o Goberno asegura que a responsabilidade de promover un ente xestor da Depuradora do Louro correspóndelle á Consellaría de Política Territorial e desbota que a Confederación Hidrográfica do Norte (CHN) vaia participar na xestión.
En concreto, o Goberno subliña que a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e Vivenda, a través da CHN, financiou o 100% das obras, e que agora “a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda debería promover e tutelar a creación do citado ente xestor, asumindo a responsabilidade de plantear solucións alternativas se á terminación das infraestruturas non se fixese cargo delas a entidade en cuestión”.
Davila solicitaba ao Goberno que buscara “a mellor solución a través do diálogo cos concellos afectados (Porriño, Salceda de Caselas, Mos e Tui) para buscar as mellores fórmulas de xestión, porque se trata dunha rede de saneamento cuxo mantemento supera en moito os ingresos e a capacidade das corporacións municipais, dadas as dimensións desta infraestrutura”.
“Correspóndelle á Xunta de Galiza executar a rede de colectores secundarios”
Ademais, na súa resposta á deputada do BNG o Goberno lembra que “en varias conversas coa Xunta de Galiza acordouse que a propia Administración Autonómica prestaría os auxilios necesarios aos concellos para executar a rede de colectores secundarios ás necesidades do saneamento global”.
Reitera o Goberno que “os concellos eran coñecedores da solución definitiva adoptada e de que ningún dos secundarios que constaban no esquema xeral (…), mostrando en varias ocasións, de palabra e mesmo por escrito as súas reclamacións ao respecto, que deberían ser atendidas pola Administración Autonómica”.
Estima que o 15% da poboación non está conectada pero non o considera un problema irresoluble
En todo, caso o Goberno considera na súa resposta a Davila que a non conexión destes secundarios “apenas supón o 15% da carga contaminante prevista na E.D.A.R de Guillarei e, en ningún caso hase de considerar un problema irresolúbel, pois a conexión dese 15% da poboación pódese realizar unha vez executados os devanditos secundarios polo organismo competente (concello e/ou Xunta de Galiza”.
Davila tamén se interesa sobre se estas modificacións que sufriu o proxecto inicial van repercutir no custo por usuario real da explotación. A este respeito, o Goberno estima que non haberá cambios substanciais: “Dado que o 85% da carga contaminante da conca podería conectarse a curto prazo ao sistema de saneamento non se entende cómo pode alterar o custo por usuario real de depuración o feito de que varios núcleos menores da conca non se conecten inmediatamente”.
Os danos polo abandono e actos vandálicos ascenden a uns 300.000 euros
A deputada do BNG tamén mostraba a súa preocupación polo deterioro das instalacións da EDAR e da rede de colectores tras dous anos de abandono. O Goberno informa de que na EDAR de Guillarei “ata a data non se constatou dano algún, (….) sendo os danos máis importantes por actos vandálicos en aliviadeiros e no bombeo do Seixal e un certo deterioro xeral en distintas instalacións e materiais en aliviadoiros polo non mantemento”.
“O orzamento das reparacións avaliouse nuns 300.000 euros”, precisa.
Aberto ao diálogo para solucionar a situación das empresa
Por outra parte, Olalla Fernández Davila tamén solicitaba ao Goberno unha solución para os concellos e empresas obrigados a conectarse á rede de saneamento antes do 31 de xullo, “baixo a ameaza de que perderían o permiso provisional de realizar verquidos ao río, cando a rede de saneamento aludida non está aínda en funcionamento”.
A este respeito, o Goberno asegura que “a rede de saneamento están en condicións de funcionamento e, polo tanto, a CHN, de acordo coas súas competencias e responsabilidades non ten máis opción que proceder á extinción das autorizacións provisionais de verquido”.
En todo caso a CNH manifesta a súa disposición a que “se se plantea unha solución a curto prazo que garanta a posta en marcha do sistema, actuarase do xeito máis razoábel posíbel en orde a non incorrer en irregularidades e facilitar a continuidade da actividade normal das empresas afectadas”.
miércoles 13 de agosto de 2008
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada